Páxinas

25 de out. de 2014

Agárrate que veñen curvas. Consellos para sobrevivir ao tráfico en China.

Cando fixen o erasmus en Milán, a organización ESN recibiunos cunha festa na que proxectaron un vídeo cheo de estereotipos sobre as diferenzas entre os italianos e o resto de europeos. A parte central e que máis sorrisos espertou foi a relativa ao xeito de conducir duns e doutros. Aparentemente, Italia estaba chea de trucos e artimañas que rachaban coa suposta corrección europea, facendo que o seu estilo de conducir fose diferente.

Pois ben, sinto dicirlles aos italianos que nada máis lonxe da realidade.
O que os italianos fan son xogadas, trece catorces que dicimos en Vilagarcía: adiántome por aquí, fago isto que está prohibido aproveitando que non me ve ninguén... En fin, as clásicas imprudencias que todos en menor ou maior medida (aceptarei que os italianos se sitúan no extremo superior do intervalo) fixemos nalgunha ocasión.

Agora ben, isto si que é outra historia. China está sen dúbida na Champions League da condución hardcore. O famoso "caos organizado", do que darei conta nunha futura entrada do blog. É tal o nivel de diferenza, que me permite escribir unha clasificación coas mellores xogadas que teño visto polas tranquilas rúas de Songshan Lake.

Así que querido lector, escolle unha desas cancións que acompañan as reportaxes dos rankings cos mellores goles da temporada, reprodúcea no youtube ti que podes, e prepárate a gozar co TOP 5 da condución estilo China.

5. Hai que conducir sempre coa man dereita sobre a bucina.
Quizais sexa a razón de que todos os coches sexan automáticos. Pola súa parte, a man esquerda ten que ir sempre preparada sobre o mando dos focos para poder facer brillos coas luces de longa distancia. Esta disposición fai que o uso dos intermitentes se reduza a ocasións extraordinarias, quedando relegados, case en exclusividade, para indicar que se vai aparcar. Así que para os cambios de carril emprégase a combinación luces-bucina.

4. O coche sempre ten preferencia.
O cuarto lugar da lista está reservado para a regra máis útil a ter en conta para o europeo que viaxa a China. Explícome, dá igual que nunha rúa de catro carrís ti estes cruzando por un paso de peóns, non haxa apenas tráfico e o fagas a boa velocidade. No momento no que apareza un coche, aínda que poida cambiar de carril para sortear a túa traxectoria, nunca nunca nunca vai tocar o freo e deixarte pasar. Con sorte avisará tocando a bucina. Así que o que tes que facer é parar á altura da liña que separa os carrís, deixar que pasen os coches a escasos centímetros túa, e cando teñas ocasión, continuar ata alcanzar por fin a beirarrúa.

3. Só esta permitido respectar os semáforos.
Está é a principal norma que regula o tráfico. Loxicamente, como se explicou no punto anterior, afecta aos pasos de peóns, que non son necesarios de respectar senón todo o contrario. Pero tamén afecta ao resto de sinais horizontais e verticais. A modo de exemplo, nun cruce ou carril de incorporación, non é necesario facer stop ou ceder o paso, tan só basta con cumprir o seguinte punto desta lista.

2. Se o fas lento, vale.
Isto é o que máis me sube a adrenalina. Dá igual do que se trate: un cambio de sentido, incorporarse á circulación, conducir un treito por dirección prohibida... dá igual. Ninguén se enfada, como moito soará algunha bucina e verás brillos polo aire. Non fai falta que manobres rápido para molestar menos. Todo o contrario, a clave está en mover o coche moi lentamente. Os demais simplemente adecuarán algo a súa velocidade e hoxe por ti mañá por min.

.
.
.

E no número 1,

.
.
.


1. En caso de accidente, sinaliza.
O de mover o coche a unha beira da calzada para que non moleste mentres cambias a roda xa é máis discutible. Pero sinalizar si, por suposto. E se non tes os triángulos a man, un pequeno bidón vermello e un par de ramas valen para saír do apuro.

Que tes que cambiar a roda do camión no me dio da estrada...

...moi ben, pero non olvides sinalizar.

17 de out. de 2014

O marco: Songshan Lake

Dicía Carlos Saa, profesor de química orgánica na Universidade de Santiago, que a clave está na base, en construír a pirámide do teu coñecemento mantendo sempre os cimentos no mellor estado posible. El referíase á química orgánica, pero o certo é que a idea dun marco sólido sobre o que empezar a construír algo é extrapolable a todos os ámbitos da vida.
Recordo que cando me decidín a vir a China, un dos primeiros contidos que caeron, neste caso, nos meus oídos, foron unha serie de podcast da bbc nos que un experto en China, Martin Jacques daba a súa opinión sobre o xigante asiático. A idea principal que desenvolve o autor é a de que non hai que entender China como un país ao uso, como unha nación europea vaia (se é que isto existe). Para el, China máis que un estado-nación é un estado-civilización. Un lugar onde poden convivir sistemas económicos radicalmente diferentes baixo o mesmo goberno. (Se queredes escoitar os podcast, pinchade aquí e baixade ata outubro de 2012).
Se eu quero falar algo de China a través da miña propia experiencia, o lóxico é que empece por recoñecer que a miña propia experiencia é primeiro moi subxectiva, e segundo moi limitada a unha realidade especial, a un lugar diferente, a Songshan Lake.
Polo tanto... Aviso a navegantes: cando falo dos chinos en xeral, refírome aos meus chinos en particular. Digamos que son deses obsesionados coa teima de explicar o global a través do local.
Insisto nisto porque se xa é difícil reflexionar sobre un lugar ou grupo de individuos, xa non falemos de algo tan grande como China.

Así que, que é Songshan Lake?
Mapa de Songshan Lake. En pequeno, abaixo á dereita pode verse o de Dongguan City.

Songshan Lake é unha das vilas ou distritos que conforman Dongguan City. O curioso deste lugar é que para empezar non aparece como un dos distritos de Dongguan na Wikipedia!
Cal é a razón? Pois que o goberno local decidiu fabricar unha vila da nada para atraer inversión a Dongguan (unha cidade que non tiña precisamente boa reputación no pasado). Así que onde antes había un lago e un bosque subtropical, o que agora hai son estradas de 4 carrís de circulación en cada sentido, vexetación subtropical perfectamente ordenada nas beirarrúas e parques, un carril bici e unha senda peonil que percorren á beira do lago maior; McDonalds, KFC, Pizza Hut e toda clase de restaurantes chinos en zonas comerciais último modelo; enormes urbanizacións de edificios con seguridade privada, un parque empresarial científico-tecnolóxico centrado en desenvolver produtos de alto valor engadido e base tecnolóxica (onde eu traballo); e entorno a uns cen mil habitantes chegados de todas partes de China agás desta. Ah claro, e por suposto todo isto foi creado en menos de 10 anos.

En fin, creo que con esta breve descrición xa temos unha base sobre a que ir contando historias.

Un saúdo a todos desde o salvaxe leste!

Vista de Songshan Lake co autor do blog escarallando a panorámica e co sol dándolle na cara para adaptarse rápido ás costumbres locais no que a apertura ocular se refire.

Vista de Songshan Lake desde a ponte que cruza o lago maior.

7 de out. de 2014

Ciao Vilagarcía. Ola Dongguan.

En poucas horas collerei o primeiro dos avións que me levarán ao meu destino final, China. Ou máis ben, a outro planeta.

A verdade que ultimamente pensara moito neste día, e por suposto que pensara en escribir unha despedida desas emotivas, que comezan buscando a bágoa a carón da terra, pero cambian radicalmente contra o final ante o desafío da nova aventura.
Pero nada, cando puiden non o fixen, e agora o que me apetece é estar cos meus o tempo que me resta. Así que serei breve, e intentarei tocar pouco as emocións. Ademais, xa escoito o bater dos ovos, hoxe toca tortilla, como debe ser.

Para os que non o saibades marcho a Dongguan, provincia de Guangdong. Alí estarei traballando como o que son, enxeñeiro químico. O certo é que me ofreceron un traballo deses que tes que coller si ou si, e logo xa veremos.

Sobre o blog, direi que a miña intención é aproveitar esta a oportunidade e darlle un novo pulo. Así que confío en que sen ter que convertelo nun blog temático sobre China, si poida facer unha especie de crónica semanal sobre o que me chame a atención deste novo planeta e os seus habitantes.

E nada máis. En menos de 24 horas todo ao meu redor será estraño, o mellor será darse conta canto antes que non son eles os raros. Eu serei o extraterrestre, eu serei ET.

ATA PRONTO!!!



20 de xuño de 2014

A páxina en branco

Din que hai escritores con medo a ver a pantalla en branco. En realidade dise que teñen medo á páxina en branco, pero supoño que nestes tempos ten máis sentido optar pola pantalla.


Si, empezar sempre é difícil.


30 de abr. de 2014

Diario dun paraugas (III). Diego Ameixeiras.

"Empezou a chover. Cudeiro desenfundou o paraugas, un pequeno modelo cuxo dispositivo de apertura nunca funcionaba á primeira. Tivo que repetir a operación varias veces ata que por fin conseguiu abrilo, aínda a risco de deixar a pel dos dedos durante a manobra."

Asasinato no Consello Nacional.
Diego Ameixeiras.

3 de mar. de 2014

A alegría

Todo o mundo sentiu algunha vez como os seus brazos se erguían sen avisar. É un acto involuntario, como o latexo do corazón. O reflexo perfecto do estado anímico de euforia e a mellor definición visual da palabra ledicia. Unha sensación marabillosa. Os brazos soben pero non para alcanzar o ceo, moi ao contrario, o que fan é abrirse cara aos lados nun intento de alcanzar o terreal. Porque a alegría non é un estado do divino, senón do humano, e alcanza o seu cumio cando é compartida. O que volvendo ao tema da definición visual se traduciría nunha aperta.
Todo isto forma parte da chamada linguaxe corporal, esa fala que si compartimos todos os habitantes do planeta. Ademais, este xesto de ledicia non só transmite, senón que tamén contaxia e incluso modela o noso comportamento. Tanto é así que psicólogos como Amy Cuddy recomendan adoptar posturas como esta, dominantes, antes de enfrontarse a situacións como unha entrevista de traballo.
Foto 1: Andy Dufresne e a ledicia da liberdade
Centrándonos no que ten de transmisión de sensacións, erguer os brazos é un xesto tan poderoso que foi utilizado desde sempre no cine para emocionar ao espectador. Cando Andy Dufresne logra escapar da prisión de Shawshank, isto é o primeiro que fai. Nunha desas escenas imprescindibles da historia do cine, a banda sonora aumenta o volume á vez que Andy quita a roupa de prisioneiro e baixo unha chuvia redentora festexa a súa liberdade.
Como con todo, a excesiva repetición desgasta, e moitas veces os xestos perden a carga emotiva que se lles supón. Por poñer un exemplo, que un xogador do Barça eleve os brazos, despois de meter o sexto gol do partido e cobrando el só máis que todo o resto do plantel rival, transmite máis ben pouco. A publicidade, a tele, os deportes, o cine etc. abusan todo o que poden para conseguir emocionar logrando que os habitantes do primeiro mundo vivamos vacinados contra a empatía.
Porén, e coma sempre, a vida e os sentimentos ábrense camiño, e a semana pasada moitos de nós recuperamos a emoción ao ver festexar algo. Por suposto non foi algo deportivo, pero tampouco unha historia cun final feliz. Non, isto é moito máis complicado.
As imaxes en cuestión son as dos rapaces africanos cruzando a valla de Melilla para conseguir entrar en Europa e converterse en inmigrantes ilegais, en sen papeis. Ese é o seu gran soño, en fin, non exactamente ese, pero si que é a pedra inicial para conseguilo.
Non quero facer disto un discurso sobre os beneficios da multiculturalidade, ou abrir un debate sobre a inmigración. Xa aviso que non estou preparado como para ter unha opinión madura sobre este tema. Tamén descoñezo se no asalto houbo enfrontamentos contra a policía, cidadáns de Melilla etc.
Agora ben, no que se refire á historia humana que hai detrás, creo que en moitos dos casos se trata de auténticos dramas humanos. Para empezar, estes rapaces non son norteafricanos. En realidade se trata xa de inmigrantes ilegais en Marrocos, que abandonaron os seus países escapando en moitos casos dunha morte segura. Cando por fin chegan á fronteira con Europa, permanecen agochados entre as montañas durante semanas ou meses agardando que se dean as condicións para intentar o asalto. E despois, no caso de que o consigan, a Garda Civil escóltaos ata o CETI, o Centro de Estancia Temporal para Inmigrantes. E para moitos a historia acaba aquí. Se os seus países de orixe os recoñecen serán deportados e a inversión de cartos e vida que fixeron quedará en nada. Outros terán máis sorte, non serán recoñecidos e tras un tempo recluídos en diferentes centros que seguramente supere o ano, cumprirán o seu soño, vivir en Europa, iso si, como inmigrantes ilegais.
Por iso as imaxes das súas celebracións entrando no CETI emocionan tanto. Porque ao contrario que Andy, eles non saen dunha prisión para montar un hotel en Zihuatanejo. Eles entran nun recinto rodeado por unha reixa e cun futuro de todo incerto. E porque aínda así, saben que esa é a decisión correcta, e que máis vale a incerteza que a morte segura. Como diría o propio Dufresne na frase máis famosa da película, "todo se reduce a unha simple elección, empeñarse en vivir ou empeñarse en morrer".
Eu non sei que clase de cambios hai que facer na política de inmigración. Certo é que me molestan as análises que co pretexto de dar distancia aos feitos, converten ás persoas en cifras, e ás vallas con coitela en medidas disuasorias.
Pero o que si que sei é que a eses homes e mulleres que conseguen chegar á meta non hai que recibilos con pelotas de goma. Moi ao contrario, o seu sería empregar os megáfonos para que soase o We are the champions de Queen, e sobre todo, ofrecerlles a aperta que piden cos seus brazos.
Foto 2: Inmigrantes no CETI de Melilla.

Fonte foto 1: fotograma da película Shawshank redemption. bplusmovieblog.
Fonte foto 2: EFE.

22 de feb. de 2014

Diario dun paraugas (II). Xosé Miranda.

"A primeira vez que vin un trebello tal, foi nas mans, agora tan choradas, de Maeline, filla moza de El Rei. Era unha peza dunha delicada cor azul, semellando a súa tea as ás das bolboretas. Ten a forma dun caxato, construído en ferro e co mango de madeira. Do extremo superior, que é o oposto ó mango, péndelle a tea, tenue, e, sen embargo, impermeable. Esta tea leva debaixo unhas varas, finas coma de vimbio verde, tamén feitas en ferro, e chamadas «béstas», que se artellan nos bordes, por unha beira, e no extremo, pola outra, do eixo do paraugas. Cun enxeñoso mecanismo estas varas pódense pregar ou despregar, abrindo ou fechando así o paraugas, que serve para protexerse da chuvia (paraugas é, segundo é fácil deducir, para-augas)."


Xosé Miranda. Historia dun paraugas azul.
Premio García Barros no ano 1990.
Texto da contraportada.

15 de feb. de 2014

Relatos e microrrelatos. Capítulo 2 - Unha historia americana.

Dinlle outro sorbo á sopa pero xa estaba fría. En fin, non hai cousa que máis me foda. Non sei, ás veces penso que a sopa é como unha metáfora da vida, e que se notas que arrefría é mellor arrancar e non mirar atrás. Levaba demasiado tempo nesa merda de pobo, e se eles comezaban a cansar de min, abofé que o sentimento era recíproco.
Chegara a Newtoon a principios do verán de 1982. Chicago parecía afogarme e necesitaba respirar aire puro. Así que cando o meu vello xefe, o señor McMardigan, faloume da posibilidade de volver traballar con el, non o dubidei e collín o primeiro autobús que saíu cara ao condado de Kindfield.
Que grande era o señor McMardigan, como o boto de menos. Con el o xornalismo adquiría outro significado. Non sei, simplemente velo teclear entre a néboa que saía do seu habano era algo marabilloso, case artístico. Agora ben, hei de recoñecer que o verbo non era a súa especialidade. Era un tipo deses obsesionado co cine de Hollywood das grandes frases, e de cando en vez intentaba aportar unha máxima que, tras varias reviravoltas na súa exposición, conseguía deixar atónita a toda a redacción, "Mira neno, non hai noticias malas nin boas, só periodistas inútiles incapaces de vender periódicos. Ou quizais quiosqueiros parvos que colocan atrás o que escriben os bos. Tanto dá, o caso é vender periódicos, e non sei que carallo fas que me segues mirando en vez de teclear".
Pero disto xa hai 4 anos. Ao vello falloulle o corazón 6 meses antes de xubilarse, unha mágoa. A súa esposa acabou cedendo e permitiu que o enterrasen coa súa olivetti dentro da caixa. Foi un auténtico espectáculo, a súa derradeira performance. O tipo estaba tan gordo que finalmente a máquina de escribir foi situada aos seus pés, doutro xeito a tapa non pechaba. Eu fun un dos seis agraciados co privilexio de transportalo ao buraco. Tanto pesaba o condenado, que mentres lle dabamos o último saúdo, as miñas bágoas de dor polo ombreiro maltreito provocaron que a viúva se agarrara a min buscando o consolo mutuo.
Despois diso todo comezou a ir a peor. Ao principio simples detalles, novas políticas de empresa, ou mellor, adaptacións aos novos tempos como lles gustaba dicir aos xefes. En fin, o caso é que sen eu darme conta, o que era unha simple bola de chicle ladeira abaixo, foi pegando toda a merda que atopaba á súa superficie ata converter a miña vida en miserenta...
E isto nos devolve ao presente e a unha sopa fría na cantina de Mary Lou. O certo é, que ben mirado, se tivese que recomendar algo de Newtoon sería este local. Dá igual que sexas branco, negro, xudeu, hispano ou marciano, Mary Lou sempre vai ter un sorriso e unha cunca de café preparada para ti. Non esperes que este sexa dunha gran calidade, e isto tamén vai polo sorriso, que máis dunha vez ten acabado como improvisada culler ao abrir a muller a mandíbula en exceso ao rir. Pero vaia, que é unha señora agradable, e iso é o que importa.
Levantei a vista da sopa e busquei a Mary Lou coa mirada. Non quería queixarme, tan só pagar a conta e despedirme dela para sempre. A decisión xa estaba tomada, volvería a Chicago. Desde a barra e antes de que eu lle dixera nada Mary Lou lanzoume un berro: "chuliño, hoxe estás pouco comedoriño, non si? Mira que che digo, estás invitado vale? A ver se mañá traes mellor cara que se te ve algo paliducho. E non te preocupes, que mañá vou poñer sopa de cuscús que sei que é a que che gusta a ti."
En fin, quizais teña razón a muller. Quizais se mañá atopo a sopa quente non me apeteza marchar. Non sei, de momento hoxe quedo e xa iremos vendo.

7 de feb. de 2014

Diario dun paraugas (I). Paul Auster.

"Cando eu digo a palabra «paraugas», vostede ve un obxecto na súa mente. Vostede ve un tipo de bastón, con varas metálicas pregables na parte superior que forman unha armadura para un material impermeable que, ao ser aberto, protexerao da chuvia. Este último detalle é importante. Non só é un paraugas unha cousa, ademais é unha cousa que desenvolve unha función –noutras palabras, expresa a vontade do home.[...] Cando se arranca a tea do paraugas, é o paraugas aínda un paraugas? Vostede abre as varas e ponas sobre a súa cabeza, camiña baixo a chuvia e empápase. É posible continuar chamando a este obxecto un paraugas? En xeral a xente o fai. Como moito, dirán que é un paraugas roto. Para min isto é un erro serio, a fonte de todos os nosos problemas."

Paul Auster. Cidade de Cristal.
A triloxía de Nova York.
(Tradución libre ao galego)

1 de feb. de 2014

Relatos e microrrelatos. Capítulo 1 - Os anos 2000.

"E se non existisen os detectives privados?"
"Home! que hostia dis? Non ves que as novelas están cheas deles."
"Si, pero todo iso é ficción. Como moito, podería chegar a crer que existen nas grandes cidades, pero para o que nos interesa a nós... Aquí, olvídate."
"En fin, é que pretender vivir diso nun sitio coma este. Non sei, supoño que é mellor que non os haxa. Quero dicir, se non existe demanda desa profesión é porque ou ben a policía traballa moi ben, ou os veciños non teñen nada que ocultar."
Fíxose o silencio. O taberneiro xirouse cara a eles desde a barra. Na súa boca, un escarvadentes co que facía malabarismos de esquerda a dereita e volta a empezar. Nas súas mans, un vaso de cristal que secaba cun pano que un día fora branco.
"Máis viño?" ofreceulles.
"Xa nos gustaría, pero non vai poder ser. Temos que volver ao choio que xa pasa do tempo de descanso."
Os homes levantáronse da súa mesa para ir pagar á barra. O taberneiro ergueu o vaso contra a luz do local, comprobou o grado de limpeza alcanzado e avaliouno como aceptable para as roldas da noite. A continuación agachouse e sacou dunha bolsa negra como as do lixo un anaco de cartón de tabaco. Incorporouse e mirou aos homes detidamente. Despois pasou a man esquerda por riba da cabeza e comezou a rascarse á vez que perdía a mirada no infinito.
"Era unha xerra de viño, unha tapa de xamón e...", intentou axudalo a recordar un dos homes.
"Sssshhh! Xa home xa, un momento", interrompeuno o taberneiro, que comezaba a facer a conta no cartón.
Desde o fondo do local, nunha mesa pegada ao baño de cabaleiros, un terceiro home alzou a voz á vez que pechaba o xornal que estivera lendo. "Non lles cobres, invito eu."
Un dos homes saíu na súa procura sorrindo e ofrecéndolle a man mentres o outro agradecía o xesto desde a barra.
"Carallo! Canto tempo!" berrou o que saíra na súa procura, "e que fas logo ti por aquí?"
"Pois de momento lendo o xornal hehe. Pero vaia, que quedei cun vello amigo para tomar un café e almorzar."
Despois dunha breve conversa sobre as opcións do Barça e Madrid na Copa de Europa, os homes despedíronse do seu benfeitor e por fin abandonaron a taberna para volver ao traballo.
Cruzando a rúa, o concelleiro de urbanismo, medio ambiente, medio rural, turismo, educación e infraestruturas achegábase cara a eles.
"Señores, volven para o cuartel?"
"Alá imos si."
"Moi ben, pois un saúdo á autoridade. Eu vou ver se leo un pouco o xornal."
Os homes asentiron, e mentres camiñaban, recuperaron a conversa.
"E quen era entón aquel señor?"
"E logo non sabes? É o que fixo os pisos novos que hai enfronte á praia, onde vive miña filla."
"Ahh, vale vale. Pero é de aquí?"
"Non, o que pasa que eu coñecino cando fun facer o bacharelato e coincidimos en clase. Xa daquela era moi listo."
"Aha."
"A verdade que progresou moito, é moi traballador."
"Pois iso está moi ben."