25/10/2014

Agárrate que veñen curvas. Consellos para sobrevivir ao tráfico en China.

Cando fixen o erasmus en Milán, a organización ESN recibiunos cunha festa na que proxectaron un vídeo cheo de estereotipos sobre as diferenzas entre os italianos e o resto de europeos. A parte central e que máis sorrisos espertou foi a relativa ao xeito de conducir duns e doutros. Aparentemente, Italia estaba chea de trucos e artimañas que rachaban coa suposta corrección europea, facendo que o seu estilo de conducir fose diferente.

Pois ben, sinto dicirlles aos italianos que nada máis lonxe da realidade.
O que os italianos fan son xogadas, trece catorces que dicimos en Vilagarcía: adiántome por aquí, fago isto que está prohibido aproveitando que non me ve ninguén... En fin, as clásicas imprudencias que todos en menor ou maior medida (aceptarei que os italianos se sitúan no extremo superior do intervalo) fixemos nalgunha ocasión.

Agora ben, isto si que é outra historia. China está sen dúbida na Champions League da condución hardcore. O famoso "caos organizado", do que darei conta nunha futura entrada do blog. É tal o nivel de diferenza, que me permite escribir unha clasificación coas mellores xogadas que teño visto polas tranquilas rúas de Songshan Lake.

Así que querido lector, escolle unha desas cancións que acompañan as reportaxes dos rankings cos mellores goles da temporada, reprodúcea no youtube ti que podes, e prepárate a gozar co TOP 5 da condución estilo China.

5. Hai que conducir sempre coa man dereita sobre a bucina.
Quizais sexa a razón de que todos os coches sexan automáticos. Pola súa parte, a man esquerda ten que ir sempre preparada sobre o mando dos focos para poder facer brillos coas luces de longa distancia. Esta disposición fai que o uso dos intermitentes se reduza a ocasións extraordinarias, quedando relegados, case en exclusividade, para indicar que se vai aparcar. Así que para os cambios de carril emprégase a combinación luces-bucina.

4. O coche sempre ten preferencia.
O cuarto lugar da lista está reservado para a regra máis útil a ter en conta para o europeo que viaxa a China. Explícome, dá igual que nunha rúa de catro carrís ti estes cruzando por un paso de peóns, non haxa apenas tráfico e o fagas a boa velocidade. No momento no que apareza un coche, aínda que poida cambiar de carril para sortear a túa traxectoria, nunca nunca nunca vai tocar o freo e deixarte pasar. Con sorte avisará tocando a bucina. Así que o que tes que facer é parar á altura da liña que separa os carrís, deixar que pasen os coches a escasos centímetros túa, e cando teñas ocasión, continuar ata alcanzar por fin a beirarrúa.

3. Só esta permitido respectar os semáforos.
Está é a principal norma que regula o tráfico. Loxicamente, como se explicou no punto anterior, afecta aos pasos de peóns, que non son necesarios de respectar senón todo o contrario. Pero tamén afecta ao resto de sinais horizontais e verticais. A modo de exemplo, nun cruce ou carril de incorporación, non é necesario facer stop ou ceder o paso, tan só basta con cumprir o seguinte punto desta lista.

2. Se o fas lento, vale.
Isto é o que máis me sube a adrenalina. Dá igual do que se trate: un cambio de sentido, incorporarse á circulación, conducir un treito por dirección prohibida... dá igual. Ninguén se enfada, como moito soará algunha bucina e verás brillos polo aire. Non fai falta que manobres rápido para molestar menos. Todo o contrario, a clave está en mover o coche moi lentamente. Os demais simplemente adecuarán algo a súa velocidade e hoxe por ti mañá por min.

.
.
.

E no número 1,

.
.
.


1. En caso de accidente, sinaliza.
O de mover o coche a unha beira da calzada para que non moleste mentres cambias a roda xa é máis discutible. Pero sinalizar si, por suposto. E se non tes os triángulos a man, un pequeno bidón vermello e un par de ramas valen para saír do apuro.

Que tes que cambiar a roda do camión no me dio da estrada...

...moi ben, pero non olvides sinalizar.

4 comentarios:

  1. Xa en Milán tiveches os teus mais o menos co transporte público , xogandote a vida ...e agora aí con eses tolos...
    O dito, estate o que estas...sau2

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. E no post só falo do tráfico en Songshang Lake. Hoxe que fun a Guangzhou vin cousas impresionantes ;)

      Eliminar
  2. Unha vez máis as espectativas cumplíronse e disfrutei do relato ata a derradeira liña. Segue así pero, por favor, ten coidado ó cruzar a rúa.
    Ah! encantoume o sistema de sinalización. Máis cun accidente, parece que avisan da existencia dun "furancho"

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. jejeje non te preocupes. Acostumo a deixar pasar a un par de chinos diante miña para usalos como escudo :D
      Cando pille eu os furanchos...

      Eliminar