Páxinas

13 de maio de 2012

A Ordenanza

—Agarda un intre...
—E logo?
—Tranquila, nada grave. Simplemente ségueme contando pero mentres andamos.
—Meu Deus! Gelucha... pero que che pasa? Estasme asustando e xa sabes que enseguida me poño nerviosa.
—Ti tranquila, en canto cheguemos á praza estaremos a salvo.
—Ah... é iso. Entendo.


Enxeñería Química na USC, iso foi o que estudiei. Lémbrome moi ben daqueles anos, entre outras cousas porque é unha época que me queda á volta da esquina. Son insultantemente novo, que lle vou facer.
O caso é que co tema da nova ordenanza municipal de circulación de Vilagarcía, non podo evitar recordar aqueles horribles domingos pre-exames en Santiago.
Erguerse cedo para coller sitio na biblioteca universitaria. Esa era a rutina daqueles días. Almorzar café con galletas e marchar a toda présa ás nove e media da mañá porque ao final un non se dera espertado á hora que pensara...
E entón, ao sair á rúa para percorrer aquela distancia, era cando ocorría o efecto. Aquilo non era un paseo cara ao coñecemento, aquilo era como percorrer a "milla verde". O ensanche estaba morto, depresivo. Nin unha soa alma, agás ás veces unha parella de vellos de camiño a misa.
Neses momentos era cando no meu maxín agromaba con máis forza a morriña pola miña vila. Un lugar idealizado, recoñézoo, pero un lugar que non partía da utopía, senón que eu comprobara en moitas ocasións que era realidade. Vilagarcía, a cidade dos bares e as cafeterías; das prazas ateigadas de xente, das terrazas perpetuas, dos nenos aprendendo a andar en bicicleta, do mercado martes e sábados, das señoras que se saúdan levantando o bastón, da xente que pregunta non por querer saber senón por querer falar... A cidade na que un domingo podías baixar a almorzar, pasear e comprar o xornal sentíndote parte de un todo.
Disque Santiago é unha das vilas máis bonitas do mundo, que as súas pedras están cheas de historia. Ata se di que en Santiago a chuvia é arte.
En Vilagarcía non temos esas pedras. Aquí, directamente, somos un pobo de artistas.
Ogallá que nestes tempos de crise e excesos lexislativos, os vilagarciáns fiquemos fieis á nosa identidade...


Gelucha sentou nun banco do parque da praza de Ravella. Gustáballe parar a repousar alí de camiño a casa. Canto botaba de menos aqueles bancos vellos recubertos de azulexos.
De súpeto un grupo de nenos chamou á súa atención. Un deles despedíase dos outros reclamando a súa pelota, xa era tarde de máis para seguir xogando.
A vella seguiuno coa mirada. O rapaz cruzou a estrada á altura dun dos semáforos. Cando chegou ao centro da calzada, ergueu a cabeza e sacoulle a lingua á cámara á vez que lle facía acenos de burla.
—Pero neno, que fas?
—Tranquila señora, aínda teño sete anos.

1 de maio de 2012

O regreso

Por que?
Aínda non o sei, pero apetecíame volver. Ademais este ano xa se sabe, volven os máis jrandes.

Se xa tiñas un blog... por que non volver con el?
Pois porque esta é unha nova etapa. As anteriores entradas recollidas nas Cartas desde Milano refírense á miña época de erasmus e estudiante de enxeñería. É hora de avanzar. Iso si, se alguén quere coñecer mellor o que dicía aló por 2009, pois que se pase por alí. Subscribo todo o que dixen nese momento... creo.

Un saúdo aos que se se deixen caer por este blog, e espero comezar cedo a subir entradas.