Dicía Carlos Saa, profesor de química orgánica na Universidade de
Santiago, que a clave está na base, en construír a pirámide do teu coñecemento
mantendo sempre os cimentos no mellor estado posible. El referíase á química
orgánica, pero o certo é que a idea dun marco sólido sobre o que empezar a construír
algo é extrapolable a todos os ámbitos da vida.
Recordo que cando me decidín a vir a China, un dos primeiros contidos
que caeron, neste caso, nos meus oídos, foron unha serie de podcast da bbc nos que un experto en China, Martin Jacques daba a
súa opinión sobre o xigante asiático. A idea principal que desenvolve o autor é
a de que non hai que entender China como un país ao uso, como unha nación
europea vaia (se é que isto existe). Para el, China máis que un estado-nación é
un estado-civilización. Un lugar onde poden convivir sistemas económicos
radicalmente diferentes baixo o mesmo goberno. (Se queredes escoitar os
podcast, pinchade aquí e baixade ata outubro de 2012).
Se eu quero falar algo de China a través da miña propia experiencia, o
lóxico é que empece por recoñecer que a miña propia experiencia é primeiro moi
subxectiva, e segundo moi limitada a unha realidade especial, a un lugar
diferente, a Songshan Lake.
Polo tanto... Aviso a navegantes: cando falo dos chinos en xeral,
refírome aos meus chinos en particular. Digamos que son deses obsesionados coa
teima de explicar o global a través do local.
Insisto nisto porque se xa é difícil reflexionar sobre un lugar ou
grupo de individuos, xa non falemos de algo tan grande como China.
Así que, que é Songshan Lake?
Mapa de Songshan Lake. En pequeno, abaixo á dereita pode verse o de Dongguan City. |
Songshan Lake é unha das vilas ou distritos que conforman Dongguan
City. O curioso deste lugar é que para empezar non aparece como un dos
distritos de Dongguan na Wikipedia!
Cal é a razón? Pois que o goberno local decidiu fabricar unha vila da
nada para atraer inversión a Dongguan (unha cidade que non tiña precisamente
boa reputación no pasado). Así que onde antes había un lago e un bosque subtropical,
o que agora hai son estradas de 4 carrís de circulación en cada sentido,
vexetación subtropical perfectamente ordenada nas beirarrúas e parques, un
carril bici e unha senda peonil que percorren á beira do lago maior; McDonalds,
KFC, Pizza Hut e toda clase de restaurantes chinos en zonas comerciais último
modelo; enormes urbanizacións de edificios con seguridade privada, un parque
empresarial científico-tecnolóxico centrado en desenvolver produtos de alto
valor engadido e base tecnolóxica (onde eu traballo); e entorno a uns cen mil
habitantes chegados de todas partes de China agás desta. Ah claro, e por
suposto todo isto foi creado en menos de 10 anos.
En fin, creo que con esta breve descrición xa temos unha base sobre a
que ir contando historias.
Miguel: Estou encantado de saber de ti a través das túas engaiolantes palabras. Gústame o que contas e como o contas. Sobre todo pola retranca intelixente, sempre presente en ti.
ResponderEliminarAínda que agora estamos un pouco lonxe (eu neste pequeno país sen estado e ti nese enorme estado-civilización), polo menos vou poder seguir desfrutando do teu bo escribir.
Un forte abrazo. Miguel Barros
Moitas grazas Miguel. Un pracer, coma sempre.
EliminarUn abrazo forte para ti e os teus.
Eu tamén me alegro que aceptarás esta nova trayectoria nun novo "estado" porque xa sabes como anda o noso "estado"..
ResponderEliminarXa vín as fotos e parece fermoso o sitio así que a disfrutalo e a facernos participes de esa experiencia a través do blog .. que como xa che dixen algunha vez escribes moi lindo (como diría Deborah).. ainda que sigo pensando (creo q xa cho comentara) o fondo negro a min polo menos resultame un pouco díficil de ler pero non deixarei de facelo ainda que me custe..ja,ja
O dito, que aquí estou a espera da túa próxima "parvada"... sau2
jajaja recordo ben o do fondo escuro. En realidade eu tamén o penso, pero agora xa me dá pereza, e ademáis vai moi ben cos paraugas :D
Eliminar