Cando fixen o erasmus en Milán, a organización ESN recibiunos cunha
festa na que proxectaron un vídeo cheo de estereotipos sobre as diferenzas
entre os italianos e o resto de europeos. A parte central e que máis sorrisos espertou
foi a relativa ao xeito de conducir duns e doutros. Aparentemente, Italia
estaba chea de trucos e artimañas que rachaban coa suposta corrección europea,
facendo que o seu estilo de conducir fose diferente.
Pois ben, sinto dicirlles aos italianos que nada máis lonxe da
realidade.
O que os italianos fan son xogadas, trece catorces que dicimos en
Vilagarcía: adiántome por aquí, fago isto que está prohibido aproveitando que
non me ve ninguén... En fin, as clásicas imprudencias que todos en menor ou
maior medida (aceptarei que os italianos se sitúan no extremo superior do
intervalo) fixemos nalgunha ocasión.
Agora ben, isto si que é outra historia. China está sen dúbida na
Champions League da condución hardcore.
O famoso "caos organizado", do que darei conta nunha futura entrada
do blog. É tal o nivel de diferenza, que me permite escribir unha clasificación
coas mellores xogadas que teño visto polas tranquilas rúas de Songshan Lake.
Así que querido lector, escolle unha desas cancións que acompañan as
reportaxes dos rankings cos mellores goles da temporada, reprodúcea no youtube
ti que podes, e prepárate a gozar co TOP 5 da condución estilo China.
5. Hai que conducir sempre coa man dereita sobre a bucina.
Quizais sexa a razón de que todos os coches sexan automáticos. Pola
súa parte, a man esquerda ten que ir sempre preparada sobre o mando dos focos
para poder facer brillos coas luces de longa distancia. Esta disposición fai
que o uso dos intermitentes se reduza a ocasións extraordinarias, quedando
relegados, case en exclusividade, para indicar que se vai aparcar. Así que para
os cambios de carril emprégase a combinación luces-bucina.
4. O coche sempre ten preferencia.
O cuarto lugar da lista está reservado para a regra máis útil a ter en
conta para o europeo que viaxa a China. Explícome, dá igual que nunha rúa de
catro carrís ti estes cruzando por un paso de peóns, non haxa apenas tráfico e
o fagas a boa velocidade. No momento no que apareza un coche, aínda que poida
cambiar de carril para sortear a túa traxectoria, nunca nunca nunca vai tocar o
freo e deixarte pasar. Con sorte avisará tocando a bucina. Así que o que tes
que facer é parar á altura da liña que separa os carrís, deixar que pasen os
coches a escasos centímetros túa, e cando teñas ocasión, continuar ata alcanzar
por fin a beirarrúa.
3. Só esta permitido respectar os semáforos.
Está é a principal norma que regula o tráfico. Loxicamente, como se
explicou no punto anterior, afecta aos pasos de peóns, que non son necesarios
de respectar senón todo o contrario. Pero tamén afecta ao resto de sinais
horizontais e verticais. A modo de exemplo, nun cruce ou carril de
incorporación, non é necesario facer stop ou ceder o paso, tan só basta con
cumprir o seguinte punto desta lista.
2. Se o fas lento, vale.
Isto é o que máis me sube a adrenalina. Dá igual do que se trate: un
cambio de sentido, incorporarse á circulación, conducir un treito por dirección
prohibida... dá igual. Ninguén se enfada, como moito soará algunha bucina e
verás brillos polo aire. Non fai falta que manobres rápido para molestar menos.
Todo o contrario, a clave está en mover o coche moi lentamente. Os demais
simplemente adecuarán algo a súa velocidade e hoxe por ti mañá por min.
.
.
.
E no número 1,
.
.
.
1. En caso de accidente, sinaliza.
O de mover o coche a unha beira da calzada para que non moleste
mentres cambias a roda xa é máis discutible. Pero sinalizar si, por suposto. E
se non tes os triángulos a man, un pequeno bidón vermello e un par de ramas
valen para saír do apuro.Que tes que cambiar a roda do camión no me dio da estrada... |
...moi ben, pero non olvides sinalizar. |