"E se non existisen os detectives privados?"
"Home! que hostia dis? Non ves que as novelas están
cheas deles."
"Si, pero todo iso é ficción. Como moito, podería
chegar a crer que existen nas grandes cidades, pero para o que nos interesa a
nós... Aquí, olvídate."
"En fin, é que pretender vivir diso nun sitio coma
este. Non sei, supoño que é mellor que non os haxa. Quero dicir, se non existe
demanda desa profesión é porque ou ben a policía traballa moi ben, ou os
veciños non teñen nada que ocultar."
Fíxose o silencio. O taberneiro xirouse cara a eles desde
a barra. Na súa boca, un escarvadentes co que facía malabarismos de esquerda a
dereita e volta a empezar. Nas súas mans, un vaso de cristal que secaba cun
pano que un día fora branco.
"Máis viño?" ofreceulles.
"Xa nos gustaría, pero non vai poder ser. Temos que
volver ao choio que xa pasa do tempo de descanso."
Os homes levantáronse da súa mesa para ir pagar á barra.
O taberneiro ergueu o vaso contra a luz do local, comprobou o grado de limpeza
alcanzado e avaliouno como aceptable para as roldas da noite. A continuación
agachouse e sacou dunha bolsa negra como as do lixo un anaco de cartón de
tabaco. Incorporouse e mirou aos homes detidamente. Despois pasou a man
esquerda por riba da cabeza e comezou a rascarse á vez que perdía a mirada no
infinito.
"Era unha xerra de viño, unha tapa de xamón
e...", intentou axudalo a recordar un dos homes.
"Sssshhh! Xa home xa, un momento",
interrompeuno o taberneiro, que comezaba a facer a conta no cartón.
Desde o fondo do local, nunha mesa pegada ao baño de cabaleiros,
un terceiro home alzou a voz á vez que pechaba o xornal que estivera lendo.
"Non lles cobres, invito eu."
Un dos homes saíu na súa procura sorrindo e ofrecéndolle
a man mentres o outro agradecía o xesto desde a barra.
"Carallo! Canto tempo!" berrou o que saíra na
súa procura, "e que fas logo ti por aquí?"
"Pois de momento lendo o xornal hehe. Pero vaia,
que quedei cun vello amigo para tomar un café e almorzar."
Despois dunha breve conversa sobre as opcións do Barça e
Madrid na Copa de Europa, os homes despedíronse do seu benfeitor e por fin
abandonaron a taberna para volver ao traballo.
Cruzando a rúa, o concelleiro de urbanismo, medio
ambiente, medio rural, turismo, educación e infraestruturas achegábase
cara a eles.
"Señores, volven para o cuartel?"
"Alá imos si."
"Moi ben, pois un saúdo á autoridade. Eu vou ver se
leo un pouco o xornal."
Os homes asentiron, e mentres camiñaban, recuperaron a
conversa.
"E quen era entón aquel señor?"
"E logo non sabes? É o que fixo os pisos novos que
hai enfronte á praia, onde vive miña filla."
"Ahh, vale vale. Pero é de aquí?"
"Non, o que pasa que eu coñecino cando fun facer o
bacharelato e coincidimos en clase. Xa daquela era moi listo."
"Aha."
"A verdade que progresou moito, é moi
traballador."
"Pois iso está moi ben."