Páxinas

3 de mar. de 2014

A alegría

Todo o mundo sentiu algunha vez como os seus brazos se erguían sen avisar. É un acto involuntario, como o latexo do corazón. O reflexo perfecto do estado anímico de euforia e a mellor definición visual da palabra ledicia. Unha sensación marabillosa. Os brazos soben pero non para alcanzar o ceo, moi ao contrario, o que fan é abrirse cara aos lados nun intento de alcanzar o terreal. Porque a alegría non é un estado do divino, senón do humano, e alcanza o seu cumio cando é compartida. O que volvendo ao tema da definición visual se traduciría nunha aperta.
Todo isto forma parte da chamada linguaxe corporal, esa fala que si compartimos todos os habitantes do planeta. Ademais, este xesto de ledicia non só transmite, senón que tamén contaxia e incluso modela o noso comportamento. Tanto é así que psicólogos como Amy Cuddy recomendan adoptar posturas como esta, dominantes, antes de enfrontarse a situacións como unha entrevista de traballo.
Foto 1: Andy Dufresne e a ledicia da liberdade
Centrándonos no que ten de transmisión de sensacións, erguer os brazos é un xesto tan poderoso que foi utilizado desde sempre no cine para emocionar ao espectador. Cando Andy Dufresne logra escapar da prisión de Shawshank, isto é o primeiro que fai. Nunha desas escenas imprescindibles da historia do cine, a banda sonora aumenta o volume á vez que Andy quita a roupa de prisioneiro e baixo unha chuvia redentora festexa a súa liberdade.
Como con todo, a excesiva repetición desgasta, e moitas veces os xestos perden a carga emotiva que se lles supón. Por poñer un exemplo, que un xogador do Barça eleve os brazos, despois de meter o sexto gol do partido e cobrando el só máis que todo o resto do plantel rival, transmite máis ben pouco. A publicidade, a tele, os deportes, o cine etc. abusan todo o que poden para conseguir emocionar logrando que os habitantes do primeiro mundo vivamos vacinados contra a empatía.
Porén, e coma sempre, a vida e os sentimentos ábrense camiño, e a semana pasada moitos de nós recuperamos a emoción ao ver festexar algo. Por suposto non foi algo deportivo, pero tampouco unha historia cun final feliz. Non, isto é moito máis complicado.
As imaxes en cuestión son as dos rapaces africanos cruzando a valla de Melilla para conseguir entrar en Europa e converterse en inmigrantes ilegais, en sen papeis. Ese é o seu gran soño, en fin, non exactamente ese, pero si que é a pedra inicial para conseguilo.
Non quero facer disto un discurso sobre os beneficios da multiculturalidade, ou abrir un debate sobre a inmigración. Xa aviso que non estou preparado como para ter unha opinión madura sobre este tema. Tamén descoñezo se no asalto houbo enfrontamentos contra a policía, cidadáns de Melilla etc.
Agora ben, no que se refire á historia humana que hai detrás, creo que en moitos dos casos se trata de auténticos dramas humanos. Para empezar, estes rapaces non son norteafricanos. En realidade se trata xa de inmigrantes ilegais en Marrocos, que abandonaron os seus países escapando en moitos casos dunha morte segura. Cando por fin chegan á fronteira con Europa, permanecen agochados entre as montañas durante semanas ou meses agardando que se dean as condicións para intentar o asalto. E despois, no caso de que o consigan, a Garda Civil escóltaos ata o CETI, o Centro de Estancia Temporal para Inmigrantes. E para moitos a historia acaba aquí. Se os seus países de orixe os recoñecen serán deportados e a inversión de cartos e vida que fixeron quedará en nada. Outros terán máis sorte, non serán recoñecidos e tras un tempo recluídos en diferentes centros que seguramente supere o ano, cumprirán o seu soño, vivir en Europa, iso si, como inmigrantes ilegais.
Por iso as imaxes das súas celebracións entrando no CETI emocionan tanto. Porque ao contrario que Andy, eles non saen dunha prisión para montar un hotel en Zihuatanejo. Eles entran nun recinto rodeado por unha reixa e cun futuro de todo incerto. E porque aínda así, saben que esa é a decisión correcta, e que máis vale a incerteza que a morte segura. Como diría o propio Dufresne na frase máis famosa da película, "todo se reduce a unha simple elección, empeñarse en vivir ou empeñarse en morrer".
Eu non sei que clase de cambios hai que facer na política de inmigración. Certo é que me molestan as análises que co pretexto de dar distancia aos feitos, converten ás persoas en cifras, e ás vallas con coitela en medidas disuasorias.
Pero o que si que sei é que a eses homes e mulleres que conseguen chegar á meta non hai que recibilos con pelotas de goma. Moi ao contrario, o seu sería empregar os megáfonos para que soase o We are the champions de Queen, e sobre todo, ofrecerlles a aperta que piden cos seus brazos.
Foto 2: Inmigrantes no CETI de Melilla.

Fonte foto 1: fotograma da película Shawshank redemption. bplusmovieblog.
Fonte foto 2: EFE.

1 comentario: