28/11/2012

Non nos mires...

Co gallo do 14 N percorrín as rúas de Compostela nunha das mellores formas que nos permite a capital, en manifestación. Recoméndolle a todo o mundo que nunca se manifestara que probe algunha vez. É un acto cívico, que reforza o sentimento de pertenza á sociedade, que nos fai mellores cidadáns, que se amosa alegre ao presentarse como unha protesta e non coma un lamento. É algo marabilloso, e de momento, é de balde.
Ten ademais unha compoñente artístico-creativa que axuda a espertar as mentes. Os carteis xigantes, os cabezudos, a música, e por suposto, as coplas. Un pode recoñecer a alguén que estivo nas manifestacións da lingua só con empezar a cantar o xa mítico "mamá eu quero".

O 14 N tiña un aspecto curioso que o facía diferente do resto de manifestacións ás que fóra. Esta vez, os que moita xente sinala como parte do problema —UGT, CCOO e demais sindicatos tradicionais— non só se manifestaban xunto co resto, senón que eran os propios organizadores do evento.
Isto ía eu pensando durante o paseo polas rúas compostelás cando lembrei que fora eu, xunto a meu primo, quen por primeira vez cuestionara o papel destes sindicatos aló polos anos 90.
Este post é a historia de como un par de nenos de Vilagarcía racharon cos poderes establecidos fai case vinte anos.

Pero, por que atacar xa este tema se podemos ir un pouquiño máis polas ramas?

Poñámonos primeiro en situación, falemos do momento, o outono. 
A terceira das estacións do ano ten en Galicia un triplo florecer.
Por un lado aparecen na mesa grelos e castañas. Poden parecer simples alimentos, pero algo deben ter no seu interior que propician a aparición do seguinte dos froitos do outono, as ganas de protestar.
Si, este está un pouco rebuscado, quizais non sexa cousa nosa senón das circunstancias, do ambiente. O que si que é certo é que se volvemos a vista atrás, as grandes manifestacións sempre ocorren en outono. Como exemplos, a manifestación en Compostela organizada por Nunca Máis o 1 de decembro de 2002, ou a manifestación de Queremos Galego, tamén en Compostela, o 18 de outubro de 2009 (aínda agora se me poñen os pelos de punta rememorando o discurso de Xurxo Souto).
Claro que un pode pensar... esas son das que ti te lembras, seguramente houbo outras durante o ano. Sei que é así. Pero hai algo que lle dá ás manifestacións do outono un toque senlleiro e singular, o terceiro dos froitos do outono, o paraugas.
"Chegou o outono a Santiago e non todo son malas novas porque en outono, en Santiago, as papeleiras botan flor, e delas sae o froito que cura as molladuras." Outono de 2011, foto do autor.
O paraugas é case unha extensión do noso ser. Unha ferramenta que igual che aparta as silvas nos camiños que che vale para xogar a ser majorette. Hai quen incluso o sente como a súa Excalibur. Moitos vellos, recordando tempos mozos, adoitan levar o seu paraugas ao estilo mochilero; ben pretiño da cabeza e gardando as costas, preparado para ser desenvaiñado ao mínimo trazo de chuvia.
Na manifestación de Nunca Máis do outono do 2002, Manuel Rivas viu no paraugas un símbolo. Desde o seu atril no obradoiro puido comprobar como toda aquela "marea cívica" enchía a praza creando un manto que non era negro chapapote, senón negro paraugas. "O paraugas converteuse nun símbolo das liberdades", dixo. E dixo ben.

Este post é tamén a historia da primeira gran manifestación paraugueira do país.

Vaiamos por fin a aquel momento.

28/11/1993 o día que cambiou Vilagarcía. A Manifestación Antidroga.
Fai hoxe 19 anos tiña lugar a maior concentración de xente da historia da miña vila. Unha manifestación contra a droga na capital da ría que se convertera en símbolo do narcotráfico.
Había que axustar moitas contas. Durante as detencións da operación Nécora e o xuízo, todas as televisións acudían a Vilagarcía para informar ao tempo que sinalaban o problema e amosaban a nosa merda ao mundo. Necesitabamos que se oíse que diciamos que non. Necesitabamos que se oíse que pediamos xustiza e condenas exemplares. Necesitabamos que se oíse que os arousáns non eramos cómplices senón todo o contrario, os principais prexudicados.
Non había twitter, facebook... Se conseguimos que nos oísen, non o teño moi claro. 
Pero quizais conseguimos unha cousa moito máis importante, oírnos entre nós. De súpeto xa non era un problema que ocultar, do que avergoñarse. Vilagarcía, Arousa e toda Galicia se fixeran adultas de golpe. Non nos importaba o que dixeran de nós, estabamos alí para demostrar o que queriamos ser, e tomamos conciencia de que podiamos logralo permanecendo unidos.
Aquela tarde, a chuvisca fixo florecer os paraugas. A primeira colleita de paraugas da liberdade.

Faltaban 15 días para que eu cumprise 9 anos, iso deixa os meus recordos nese lugar entre a esaxeración e a visión do mundo dun neno. Parece perigoso, pero non vos preocupedes, para remedialo está youtube.
 Momentos senlleiros de non perder neste vídeo:

  • 2:11, Un imberbe Gago que avanzaba xa pola metade da súa 1ª lexislatura.
  • 3:09, A Praza de Galicia, como boto de menos a fonte luminosa.
  • 3:55, Adriana Ozores? Non, Carmen Avendaño
  • 4:35, Señoras cantando, e desmentindo por tanto o que din en telecinco no 1:42
E agora si, a anécdota.

O caso é que meus pais leváronos a min e a meu primo á que sería a nosa primeira manifestación, a Manifestación Antidroga.
Lembro mirar para arriba e ver todo aquel teito de paraugas que impresionaba. Tamén recordo a un grupo de señoras que de cando en vez arrancaban cunhas coplas que trouxeran preparadas. Un dos versos desas cancións  creo que dicía algo así como"queren matar os nosos filliños!".
A manifestación transcorría con tranquilidade, e unha vez que meu primo e eu entendemos de que ía o conto, estabamos como peixes na auga.
Entón, do interior da concentración comezou a soar un berro. Algo doado que todo o mundo comezou a corear. Meus pais tamén o facían. Non había máis que falar, era o noso momento. Se eses señores querían deixar as gorxas por algo xusto, abofé que podían contar coas nosas.
—NON NOS MIRES, ...!!!
—Oíches, non nos mires, e despois que?
—Non sei, eu tampouco os entendo.
—Ah claro! fíxate nese cartel de aí.
—Claro, claro.
—NON NOS MIRES, UGT!!!




Fonte Vídeo: youtube, canle miciudadfavorita

1 comentario:

  1. A manifestación de Vilagarcía tamén foi a primeira a que eu acudín, o pasara en grande berrando pola rúa :)))

    Encantoume o de tomar o paraugas para facer de "majorette" :))

    ResponderEliminar