22 de set. de 2012

A Mesa Pola Normalización Lingüística denuncia galegofobia en torno á Operación Pokemon. (PARODIA)

ANTES DE LER A NOVA: 
Os que me coñecen persoalmente saben que son moi moi fan —seareiro que se diría en facebook— de páxinas de humor como El Mundo Today. Para os que non coñezan de que vai isto: simplemente inventan noticias e déixanse levar na redacción sen ningún tipo de autocensura. Recomendo encarecidamente que vos pasedes pola súa web, iso si, con panos de man cerca porque non ides parar de chorar coa risa.
Nesta entrada de blog fágolles unha pequena homenaxe copiando o seu estilo: invento unha noticia sobre algo que está de actualidade, e para adiante.
Agardo que vos guste e conseguir sacar algún riso, pero sobre todo espero que ninguén se sinta molesto ou ofendido. Se é así, as miñas desculpas por adiantado.

Ao tema, benvidos á primeira entrega do Jalisia News.



Segundo Carlos Callón: "non é normal que habendo tan bos mangas galegofalantes, o xulgado de Lugo escollese un que é monolingüe en castelán para darlle nome á operación". O debate trasládase ás redes sociais e alcanza o programa Luar.


A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DENUNCIA GALEGOFOBIA EN TORNO Á OPERACIÓN POKEMON.


A Operación Pokemon continúa a dar sorpresas un día despois da súa irrupción na escena pública. Se onte eran as detencións de dous alcaldes as que colocaban a Galicia no trend topic mundial, hoxe o debate trasladouse ao metalingüístico.
E é que á Mesa Pola Normalización Lingüística non lle sentou nada ben o nome que o xulgado que dirixe Pilar de Lara decidiu para dar nome á operación. Así, o presidente desta organización, Carlos Callón, non dubidou en amosar a súa indignación nunha rolda de prensa que tivo lugar ao longo desta mañá: "compañeiras e compañeiros, amigas e amigos, profesoras e profesores, nenas e nenos [...], [...], o que non pode ser é que desde as propias institucións non se protexa ao galego, pero por que Pokemon?" preguntábase na súa intervención, de hora e media aproximadamente. "Todos sabemos con quen está casada esa muller (pola xuíza), e de seguro que de facermos as oportunas investigacións chegariamos a atopar algún vencello co conselleiro Vázquez" argumentaba.
Para o dirixente da Mesa non é unha novidade a defensa dos debuxos animados galegos, ou no seu defecto, galegofalantes. Esta mesma semana publicaba en twitter un irónico "Por que a TVG vai emitir Os Bolechas na TVG2? Tal vez porque non hai TVG3?". Pero desta vez o desprezo á lingua alcanzou o seu límite. En declaracións en exclusiva para este xornal, Callón apuntaba que "non é de recibo. A min non me molesta que non se escolleran uns debuxos xenuinamente galegos, pero anda que non haberá exemplos de animacións galegofalantes... e se tiña que ser manga, aí están Son Goku ou Arale".

Reaccións.

A rolda de prensa non pasou inadvertida para outras asociacións. Así, Galicia Bilingüe enviaba un comunicado aos medios no que sinalaban á Operación Pokemon como outra estrataxema máis do "trilingüe Feijoo" que "sigue con sus mentiras, y ahora quiere meterles a los niños tan bien el japonés", apostilando cun "manda carallo" co que quixeron facer gala do seu harmónico bilingüismo. A propia presidenta da asociación, Gloria Lago, quixo entrar en directo nos micrófonos da cadena COPE para facer unha recomendación ao presidente da Mesa: "Carliños, mellor farías imitando a Bieitiño, e deixando o postiño" dixo en ton serio, amosando un nivel de formación de diminutivos en galego ao alcance de poucos. Ademais, aproveitou a ocasión para dar a súa opinión sobre un posible troco de nome para a operación: "a mi me gustaría Operación Don Quijote, no olvidemos que Cervantes le dedica más de una página a los gallegos, así que más bilingüe no puede ser".
Pola súa parte, A Liga Feminista Galega quixo facer fincapé no que elas entenden como"discriminación sexual inherente do termo Pokemon". E é que para elas, "non é xusto que nunha operación na que só están sendo inculpados ou investigados homes, a xustiza decida darlle o nome duns bechos que son a todas luces asexuados", e neste sentido sospeitan que "quizais se fosen mulleres as inculpadas, non habería por parte da policía ningún problema en usar Ally Mcbeal como nome para a operación".

O programa Luar busca atopar unha solución democrática ao conflito.

A cuestión sobre o nome, lonxe de apagarse co paso das horas, foi medrando en interese grazas ás redes sociais. Ata tal punto chegou o debate, que durante a noite de hoxe, o magazine de referencia da televisión de Galicia, Luar, decidiu levar a polémica ás pantallas de todos os xeriátricos.
Apoiándose nun sistema de voto telefónico, a audiencia do programa poderá votar pola súa opción preferida ou dar novas opcións. Un redactor deste xornal, acaba de conseguir pórse en contacto co director e presentador do programa, o senlleiro Xosé Ramón Gayoso, para saber como están os resultados neste momento. A continuación reproducimos a conversa:
—Boas noites amigo!
—Ola, boa noite.
—Boa noite amigo! como se chama?
—Miguel.
—E desde onde chama amigo?
—Daquí da redacsión do Jalisia News, en Vilagharsía.
—Ohh! Fermosa Vilagarcía, que marabillosas praias e que percebes tan saborosos que tedes por alí. Moi ben amigo, e por que nome lle gustaría votar?
—Home, eu basicamente chamaba para ver como estaban as cousas aghora mesmo...
—Moi ben amigo! Pois de momento encabeza a lista Operación Ardebullo, se ben é certo que está chamando moita xente desde A Coruña votando por Operación Plátano. Pero vaia, nós en realidade o que queremos é saber a súa opinión, amigo. Que me di?
—Bueno! Pois mira, xa que estamos, e que este ano volveron os máis jrandes, eu case que vou votar por Operasión Champú.
—Grazas amigo, para Vilanova que vai este forte aplauso de todos os luareiros.



HABERÁ AMPLIACIÓN

Foto 1: Carlos Callón e Fran Rei durante a conferencia de prensa. Fonte: Vieiros.

Foto 2: Xosé Ramón Gayoso durante un dos seus momentos máis senlleiros. Fonte: youtube

Ningún comentario:

Publicar un comentario