Co gallo do 14 N percorrín as rúas de Compostela nunha das mellores formas que nos permite a capital, en manifestación. Recoméndolle a todo o mundo que nunca se manifestara que probe algunha vez. É un acto cívico, que reforza o sentimento de pertenza á sociedade, que nos fai mellores cidadáns, que se amosa alegre ao presentarse como unha protesta e non coma un lamento. É algo marabilloso, e de momento, é de balde.
Ten ademais unha compoñente artístico-creativa que axuda a espertar as mentes. Os carteis xigantes, os cabezudos, a música, e por suposto, as coplas. Un pode recoñecer a alguén que estivo nas manifestacións da lingua só con empezar a cantar o xa mítico "mamá eu quero".
A terceira das estacións do ano ten en Galicia un triplo florecer.
Por un lado aparecen na mesa grelos e castañas. Poden parecer simples alimentos, pero algo deben ter no seu interior que propician a aparición do seguinte dos froitos do outono, as ganas de protestar.
Si, este está un pouco rebuscado, quizais non sexa cousa nosa senón das circunstancias, do ambiente. O que si que é certo é que se volvemos a vista atrás, as grandes manifestacións sempre ocorren en outono. Como exemplos, a manifestación en Compostela organizada por Nunca Máis o 1 de decembro de 2002, ou a manifestación de Queremos Galego, tamén en Compostela, o 18 de outubro de 2009 (aínda agora se me poñen os pelos de punta rememorando o discurso de Xurxo Souto).
Claro que un pode pensar... esas son das que ti te lembras, seguramente houbo outras durante o ano. Sei que é así. Pero hai algo que lle dá ás manifestacións do outono un toque senlleiro e singular, o terceiro dos froitos do outono, o paraugas.
"Chegou o outono a Santiago e non todo son malas novas porque en outono, en Santiago, as papeleiras botan flor, e delas sae o froito que cura as molladuras." Outono de 2011, foto do autor. |
O paraugas é case unha extensión do noso ser. Unha ferramenta que igual che aparta as silvas nos camiños que che vale para xogar a ser majorette. Hai quen incluso o sente como a súa Excalibur. Moitos vellos, recordando tempos mozos, adoitan levar o seu paraugas ao estilo mochilero; ben pretiño da cabeza e gardando as costas, preparado para ser desenvaiñado ao mínimo trazo de chuvia.
Na manifestación de Nunca Máis do outono do 2002, Manuel Rivas viu no paraugas un símbolo. Desde o seu atril no obradoiro puido comprobar como toda aquela "marea cívica" enchía a praza creando un manto que non era negro chapapote, senón negro paraugas. "O paraugas converteuse nun símbolo das liberdades", dixo. E dixo ben.
Este post é tamén a historia da primeira gran manifestación paraugueira do país.
Vaiamos por fin a aquel momento.
28/11/1993 o día que cambiou Vilagarcía. A Manifestación Antidroga.
Fai hoxe 19 anos tiña lugar a maior concentración de xente da historia da miña vila. Unha manifestación contra a droga na capital da ría que se convertera en símbolo do narcotráfico.
Había que axustar moitas contas. Durante as detencións da operación Nécora e o xuízo, todas as televisións acudían a Vilagarcía para informar ao tempo que sinalaban o problema e amosaban a nosa merda ao mundo. Necesitabamos que se oíse que diciamos que non. Necesitabamos que se oíse que pediamos xustiza e condenas exemplares. Necesitabamos que se oíse que os arousáns non eramos cómplices senón todo o contrario, os principais prexudicados.
Non había twitter, facebook... Se conseguimos que nos oísen, non o teño moi claro. Pero quizais conseguimos unha cousa moito máis importante, oírnos entre nós. De súpeto xa non era un problema que ocultar, do que avergoñarse. Vilagarcía, Arousa e toda Galicia se fixeran adultas de golpe. Non nos importaba o que dixeran de nós, estabamos alí para demostrar o que queriamos ser, e tomamos conciencia de que podiamos logralo permanecendo unidos.
Aquela tarde, a chuvisca fixo florecer os paraugas. A primeira colleita de paraugas da liberdade.
Faltaban 15 días para que eu cumprise 9 anos, iso deixa os meus recordos nese lugar entre a esaxeración e a visión do mundo dun neno. Parece perigoso, pero non vos preocupedes, para remedialo está youtube.
- 2:11, Un imberbe Gago que avanzaba xa pola metade da súa 1ª lexislatura.
- 3:09, A Praza de Galicia, como boto de menos a fonte luminosa.
- 3:55, Adriana Ozores? Non, Carmen Avendaño
- 4:35, Señoras cantando, e desmentindo por tanto o que din en telecinco no 1:42
E agora si, a anécdota.
O caso é que meus pais leváronos a min e a meu primo á que sería a nosa primeira manifestación, a Manifestación Antidroga.
Lembro mirar para arriba e ver todo aquel teito de paraugas que impresionaba. Tamén recordo a un grupo de señoras que de cando en vez arrancaban cunhas coplas que trouxeran preparadas. Un dos versos desas cancións creo que dicía algo así como"queren matar os nosos filliños!".
A manifestación transcorría con tranquilidade, e unha vez que meu primo e eu entendemos de que ía o conto, estabamos como peixes na auga.
Entón, do interior da concentración comezou a soar un berro. Algo doado que todo o mundo comezou a corear. Meus pais tamén o facían. Non había máis que falar, era o noso momento. Se eses señores querían deixar as gorxas por algo xusto, abofé que podían contar coas nosas.
—NON NOS MIRES, ...!!!
—Oíches, non nos mires, e despois que?
—Non sei, eu tampouco os entendo.
—Ah claro! fíxate nese cartel de aí.
—Claro, claro.
—NON NOS MIRES, UGT!!!
Fonte Vídeo: youtube, canle miciudadfavorita