Pasaban menos de 24 horas desde o meu regreso, e China volvía conseguilo...
Despois de 4 meses vivindo aquí, un cre que xa está preparado para
deixar de sorprenderse. As cousas seguirán sendo estrañas, pero que máis dá que
na autopista entre o aeroporto e a túa casa un camión vaia arrastrando a carga
pola estrada, ti xa viches cousas peores.
Que importa que un amigo che amose un taser que comprou para levar no coche por se hai problemas. "Ils
sont fous ces Romains", pensas. Pero no fondo sabes que aquí véndese de
todo e a eles gústalles ter todo, nada novo a estas alturas.
Incluso despois, outro chino amósache a copia do que sería a versión do
DNI de Obama en chino. A verdade que isto si que che arranca unha gran
gargallada, pero é máis ben porque antes de ensinarche a tarxeta advírteche que
aquilo é o seu novo carné de identidade, e claro, ver de súpeto a foto de Obama
ten a súa graza. Aínda que sendo xustos, isto non sorprende, tan só é unha
broma.
Agora ben, cando hoxe a mediodía encurvaba o meu corpo para proceder á
inxestión do meu terceiro prato de noodles
en menos de 24 horas, o que menos podía esperar era que a 12 de marzo, polo fío
musical do restaurante empezase a soar unha versión china da panxoliña Jingle Bells co refrán en inglés e o resto
en mandarín.
Así que mentres me esforzaba en evitar que aqueles longos fideos me
saísen polo nariz debido ao ataque de risa, non puiden senón admitir a derrota,
e concederlle a China, que pase o tempo que pase, sempre haberá ocasións para que
me sorprenda.